mércores, 24 de abril de 2024

CELEBRANDO O DÍA DO LIBRO. PRIMEIRA PARTE

Ola rapaces!

Estes días estamos a ter moitísimas actividades na biblio para celebrar o Día do Libro! Para que non se nos esquezan faremos un repaso.
O martes 23 fomos de excursión a facer un roteiro literario en Mondoñedo da man de Milca, paisana da cidade episcopal. Os alumnos de 4º de ESO visitamos a catedral, a casa de Cunqueiro, a imprenta. O día estivo precioso e alí nos trataron xenial.



Pola tarde do mesmo martes, tivemos a segunda sesión do noso café literario. Visitounos aos alumnos de bacharelato do Club de Novela Gráfica o escritor Xavier Alcalá, que nos falou da súa experiencia ao redactar A nosa cinza. Explicou o paso da novela a banda deseñada coa axuda do ilustrador Manel Craneo, que esta vez non puido vir connosco.



Asinounos diversos exemplais de Cinza e logo da charla, quedouse contándonos pequenas anécdotas.



O mércores 24 entregamos os premios do noso I Concurso de Poesía en diversas linguas. Pero deste emocionante evento... falaremos en vindeiras entradas.

mércores, 3 de abril de 2024

VISITA DE IRENE MONTEIRO

Ola rapaces!

O pasado 12 de marzo tivemos un café literario coa autora Irene Montero para falar da súa obra Lúa Nova.



O Club de Lectura de Novela Xuvenil na sección de 4º de BAC e de Bacharelato puido disfrutar desta conversa con Irene. O seu contiño, como ela di, relata unha fermosa historia de superación dunha rapaza cega, chamada Lúa Longoria, que acaba sendo unha gran pianista.



Logo da presentación por parte de Daniel, compañeiro e amigo da novelista dende a adolescencia, aproveitamos a tomar un refresco ou un café mentres comentabamos con Irene as nosas dúbidas e inquedanzas trala lectura. Irene contounos que se inspirou cando coñeceu a unha rapaza cega a quen non se pon ninguén por diante para acadar os seus soños.



Con grande agarimo a novelista firmounos varios exemplares da biblioteca e quedamos en chamala cando publique a súa vindeira novela.




domingo, 17 de marzo de 2024

O DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E DA NENA NA CIENCIA E DÍA INTERNACIONAL DA MULLER TRABALLADORA

Ola rapaces!

Para celebrar o 11F, Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, e o 8M, Día da Muller Traballadora, desenvolvéronse diversas actividades de distintos departamentos no noso instituto.

Desde o Departamento de Orientación e desde a Biblioteca, ademais de colgar algúns cadros da nosa futura exposición permanente sobre Mulleres Científicas, pediramos a colaboración de todos os departamentos e en especial dos titores da ESO para a realización dunha serie de carteis para expoñer polos corredores do centro. O noso obxectivo era profundizar cos rapaces sobre mulleres esquecidas, pero que foron significativas na arte, no deporte, na ciencia, na literatura, etc

.


Moitos alumnos realizaron carteis que decoran o centro. Por exemplo, con María Lanza  os terceiros da ESO traballaron en pintoras como Sonia Delaunay, Maruja Mallo, Natalia Goncharova, etc. Outros cursos traballaron outras mulleres salientables: matemáticas como Maryam Mirzakhani, científicas como Rosalind Elsie Franklin, etc. 


En Literatura Universal escolleron escritoras que tiveron que loitar con moita enerxía para ser recoñecidas en épocas moi diferentes como Jane Austen, Mary Shelley, Karen Blixen, Toni Morrison, etc. Algunhas como Virginia Woolf reflexionaron sobre o rol da muller e os seus dereitos e convertéronse en pioneiras do feminismo. 



En primeiro de BAC, na clase de Lingua e Literatura Castelá con Pilar, seleccionaron escritoras españolas do Século de Ouro moi esquecidas, como Beatriz Bernal, autora dunha novela de caballerías, Ana Caro que estrenou obras en corrais de comedias, así como a propia filla do Fénix dos Inxenios, sor Marcela da Cruz. 

Profesoras do Departamento de Lingua Galega, como Rosa e Pili, decoraron a parte central da entrada do centro, adicándose especialmente a carteis sobre escritoras galegas, especialmente as poetas como Luisa Villalta, Lupe Gómez, Chus Pato ou Iolanda Castaño.



María José do Departamento de Filosofía no Proxecto Competencial con 4º B e C gravou un vídeo que se colgou na pantalla da entrada “8M: sen mascara" facendo fincapé en mulleres ferrolás como Ánxeles Alvariño, Ánxela Ruiz.



Pola súa banda, para a materia de Proxecto Competencial, Paula de Educación Física traballou sobre mulleres deportistas e Olga de TIC cos alumnos de 1º BAC D fixo un vídeo xenial. Tédelo aquí, con referencias aos logros de Ana Peleteiro, Alexia Putellas, Ona Carbonell, etc, Tedelo aquí. 





Por último, María do Departamento de Educación Plástica, está facendo unha acción artística colaborativa cos pequenos de 1º ESO ao estilo de Yayoi Kusama. Con esta performance tratan de visibilizar os nomes de mulleres artistas inxustamente esquecidas pola historia da arte, a pesares do gran valor da súa obra e do recoñecemento que algunhas tiveron na súa época. Colaboran tamén os alumnos de 3º de EPVA e calqueira que queira participar. Apúntasche? 





Grazas a todos pola vosa colaboración!


venres, 8 de marzo de 2024

CELEBRACIÓN DO DÍA DE ROSALÍA

Ola rapaces! 

Para conmemorar o aniversario do nacemento da nosa poeta o venres 23 de febreiro dúas alumnas de 4º da ESO, Inés Perez e Inés Santalla, musicaron con voz e violonchelo tres poemas de Rosalía: "Alborada", "Daquelas que cantan" e "No ceo azul crarísimo".

Como pano de fondo para a actuación alumnos e alumnas de 1º, 2º e 3º prepararon un mural con motivos biográficos da autora e versos dos seus poemas. Especialmente fermoso foi o xogo de palabras coa rosa e as letras "lía".



Ademais algúns rapaces de 2º e 3º prepararon vídeos recitando poemas da súa obra.





Aquí tedes algúns vídeos das cancións das dúas Inés.




Que beleza que todas as artes conflúan, conmemorando a nosa gran poeta!


martes, 30 de xaneiro de 2024

NOVAS SESIÓNS DOS CLUBS DE LECTURA

Ola rapaces! Aínda que xa case terminamos o mes de xaneiro, aínda non vos felicitei o ano 2024. O caso é que comezamos o ano cun gran incremento nos usuarios dos nosos dous clubs de lectura. Os grupos do Club de Narrativa Xuvenil en galego están a ler: 1º ESO: Formigas. Misión Barcelona de Andrés Meixide e Pepe Tobaruela e están aprendendo moito sobre a capital francesa facendo un puzzle.



2º ESO: A gruta da torre de Luis Torres, que desenvolve unha historia ambientada en Ribadeo. Gustoulles moito esta lectura e pronto empezaremos co A balada dos unicornios de Ledicia Costas. 3º ESO, 4º ESO e bacharelato:
Hoxe tivemos a sesión sobre Lúa Nova de Irene Montero. Para estes últimos estamos a preparar unha bonita sorpresa que vai ser a visita da escritora que nos vai a contar en quen se inspirou para o personaxe de Lúa Longoria, a pianista cega que busca a plenitude da existencia e a súa independencia. A nova lectura será A cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre.


No Club de Novela Gráfica tivemos dúas sesións de Un saco de canicas de Joseph Joffo, versión de banda deseñada por Kriss e Vincent Bailly.



Para a vindeira sesións leremos a novela gráfica baseada na célebre novela distópica 1984 de George Orwell deseñada por Jean Christophe Dérrien.



Adela de 4º de ESO recomendounos a lectura de Ellas, 1 La chica nueva de Kid Toussaint que vai ser a que lean os máis pequenos.




Destas novidades falaremos en próximas entradas. Vémonos!

sábado, 23 de decembro de 2023

ACTIVIDADES DE NADAL!

Ola rapaces!

Achégase a Noiteboa e teño moitas cousas que compartir. Estivemos tan absorbidos polas tarefas que  non falamos de tantas actividades realizadas nesta última semana. 

Aquí resúmovos algunhas delas, esperando ter máis tempo para ir ampliando a información.


O Equipo de Dinamización Linguística, coa colaboración dos Departamentos de Orientación, Plástica, Relixión e da Biblioteca conmemorou o 75 aniversario da Declaración dos Dereitos Humanos celebrado o 10 de decembro.


Os diferentes departamentos propuxeron diferentes actividades como a decoración da árbore de Nadal con material reciclado e adornos con citacións dos distintos artigos da Declaración.



Esta semana tamén tivemos diversas sesións do Club de Lectura tanto de Narrativa Xuvenil como de Novela Gráfica. Sobre eles comentaremos en próximas entradas.


Disfrutamos dun Festival de Nadal, preparado por Rosa e Almudena, coas actuacións de rapaces de 1º e 4º de ESO e coa colaboración de moitos profesores. Foi un remate privilexiado deste primeiro trimestre.


Non queremos rematar estas líñas sen desexarvos a todos o mellor para estas festas e un gran comezo de ano.

Bo Nadal e Feliz 2024!

mércores, 29 de novembro de 2023

NOVA XUNTANZA DO CLUB DE NOVELA GRÁFICA

 Ola rapaces!



Durante esta semana e a pasada tivemos as catro xuntanzas do noso Club de Novela Gráfica. 



  • Os grupos A e D leron Harley Quinn. Cristales rotos, a historia dunha rapaza de quince anos moi descarada que na soidade dunha cidade difícil como Gotham, atopa forza nun grupo de drag queen onde aprende a loitar polo verdadeiramente importante. Xentrificación, amizade, solidariedade, son os temas que atopamos nesta obra de Banda Deseñada da autora gañadora dos premios Eisner e Caldecott Mariko Tamaki, e do artista nomeado ao Eisner Steve Pugh. 



  • O grupo B e C lemos El juego de las golondrinas de Zeina Abirached. Narra unha noite no Beyrouth dos anos 1980, na que os veciños dun edificio se atopan pechados polos bombardeos. Dous rapaces esperan a chegada dos seus pais no medio dun deles. Non obstante, a compañía dunha galería de veciños pintorescos fanlles tomarse dun xeito cotiá e cómico esa dificultade. 



En entradas vindeiras falaremos do arranque da nova sección do Club de Lectura, a de Narrativa Xuvenil en Lingua Galega. Xa tivemos dúas sesións e o vindeiro luns día 4 estreamos a sección de 3º, 4º e 1º de BAC.

Grazas a todos por participar!


xoves, 2 de novembro de 2023

HEARTSTOPPER

 Ola rapaces!

Case a mediados do trimestre, estamos moi ledos porque os  nosos Clubs de Lectura van adiante! Respecto ao Club de Narrativa Xuvenil, falaremos noutra ocasión. Esta vez queremos salientar a alta participación da rapazada nas sesións de outubro do Club de Novela Gráfica. Case rondamos a cincuentena de persoas interesadas nas nosas actividades, polo que tivemos que dividirnos en catro grupos. 



A novela de outubro foi elixida por Bea, alumna de 3º de ESO, que nola recomendou a fines do pasado curso. A biblioteca mercou varios exemplares do tomo primeiro así como uno dos tomos seguintes (ata o cuarto). 



Na novela The Heartstopper obra de Alice Oseman, se relata a relación entre dous adolescentes, Charlie e Nick, no marco dun instituto. Por debaixo da trama amorosa, os lectores poden atopar problemas que preocupan e moito, a verdadeira amizade e o mal que fan certas persoas tóxicas. 



Gustounos moito escoitar as vosas opinións nas xuntanzas, a favor e en contra da novela. Houbo quen quedou entusiasmado e houbo quen a tildou de romanticona e tópica. Outros aplicaron a súa vida algunhas das relacións que veñen reflectidas na novela. 



Grazas por vir!

luns, 2 de outubro de 2023

REUNIÓN CLUB DE LECTURA XUVENIL

Este mércores, 4 de outubro, teremos a primeira reunión para apuntarse ó Club de Lectura Xuvenil, na biblioteca durante o segundo recreo, 12'10-12'30. Este club estará coordinado por Lucía, a profesora de L. Galega e por Vily, como a súa axudante. Se queredes  inscribirvos está dispoñible unha folla no mostrador da biblioteca. En calquer recreo podedes pasar para ter máis información.
Desexando que disfrutedes deste club e que vos apuntedes moitos a esta experiencia, só nos resta desexarvos unhas boas lecturas.
Tedes carteis da reunión na biblioteca e nos corredores do centro.
CLUB DE LECTURA XUVENIL




luns, 25 de setembro de 2023

PRIMEIRA REUNIÓN DO CLUB DE NOVELA GRÁFICA

O Club de Novela Gráfica que dirixe Patricia Martínez, a profe de Mates que é unha apaixoada deste tema, vai comezar as súas reunións este mércores 27 de setembro na biblioteca, no segungo recreo. Estará acompañada por outros profes como Daniel e Pilar  do Departamento de Lingua Española, xunto con  Alberto e Raquel do Departamento de Matemáticas e Emilio do Departamento de Filosofía. Aquí vos deixamos o cartel da primeira sesión, se vos animades a participar podedes informarvos durante os  recreos na biblioteca.  Nos vindeiros días tamén vos falaremos do Club de Lectura Xuvenil e do Voluntariado, estade atentos aos carteles que van aparecendo nos corredores do centro e ás noticias neste blog. 




xoves, 22 de xuño de 2023

TRÍPTICO DAS RECOMENDACIÓNS DE LECTURA PARA O VERÁN

Como cada ano, cando chegan  o fin do curso e as vacacións, temos preparado para toda a comunidade educativa o noso folleto coas recomendacións de lectura que podedes atopar na nosa biblioteca para animarvos a pasar un tempo de lecer coa compañía de unha boa lectura. Se queredes saber algo máis dos libros picade  aquí:
Desexámosvos a todos un bo verán e unhas felices lecturas!

mércores, 21 de xuño de 2023

CLUB DE NOVELA GRÁFICA. FESTA DE DESPEDIDA

Ola rapaces!

Onte celebramos a festa de despedida do noso Club de Novela Gráfica. Tras unha comida preparada con moito agarimo por Gloria, tivemos a última xuntanza na que botamos de menos a Lucía, e a Raquel e Sergio, que están na excursión de 4º.



Falamos da nosa lectura do mes, Maus, Relato dun supervivente de Art Spiegelman (1992), primeira novela gráfica en acadar un Premio Pulitzer. Os estudosos falan de que esta novela inicia una das dúas vías do xénero da novela gráfica contemporánea, a independente e autobiográfica, fronte a de superheroes, que se nutre da ficcionalidade. 



Patricia falou da importancia desta novela, para preparar o terreo.  Dani contounos canto lle axudou a súa lectura en momentos complicados da vida. Ruán relatou a dificultades que atopou con ela e a súa satisfacción en poder rematarla. Samrai, que non a rematara e que a leva para o verán, non quere deixar de coñecer o que lle pasou ao pai e ao fillo, protagonistas. Todos salientan como as ilustracións conmoven ao lector. 



Logo de rematar o comentario sobre Maus, fixemos un repaso a todas as lecturas do curso, suliñando as ideas fundamentais de cada unha, cales foron as favoritas, e as menos aprezadas. De todas aproveitamos unha fermosa lección: Persépolis, Los dioses mienten, V de Vendetta, Orgullo e prexuizo, ¿Me estás escuchando?

Bea, de segundo ESO B, aportou a recomendación da saga Heartstopper de Alice Oseman, que trouxo para que a viramos. Moitos non a coñecíamos, pero quedamos en pedirlla para o vindeiro curso. Ruán insistiu na defensa de The Walking Death. E Emilio animounos a mercar todo o lote completo das sete novelas.



Falamos de novos proxectos para o vindeiro curso, de como animar a máis xente a vir ás xuntanzas, de posibilidades de ampliar o horario...

E como fin de festa, Patricia agasallou aos rapaces cuns marcapáxinas moi xeitosos.

Realmente, pasamos unha experiencia moi grata. E agradecemos a todos a vosa presencia e as diferentes aportacións.

Que descansedes moito no verán, sen esquecer a lectura!



domingo, 18 de xuño de 2023

SESIÓN EXTRAORDINARIA DO CLUB DE LECTURA DE NOVELA GRÁFICA

Ola rapaces! 

O pasado venres tivemos unha curiosa xuntanza no club de novela gráfica. En vez de falar os profes, escoitando os alumnos, dous rapaces expuxeron a súa sabiduría a seis profesores. E de que nos falaron? Pois dunha longa saga de novela gráfica que lles apaixona. The Walking Dead. 



Sergio e Ruán, alumnos de 4º de ESO e membros activos do noso Club de Novela Gráfica, quixeron despedir esta tempada do Club cunha moi completa exposición acerca deste cómic apocalíptico que ten tantísimos seguidores, tanto na banda deseñada, como no xogo e na serie televisiva.



Falaron, sen facer espoiler, do argumento, do deseño de personaxes, das diferenzas coa serie televisiva. Responderon as preguntas feitas polo oíntes, que concluíron dicindo que teñen moito que seguir aprendendo!



Parabéns a Ruán e Sergio!