venres, 2 de febreiro de 2018

CELEBRANDO O DÍA DA PAZ COS NOSOS MAIORES

Ola rapaces!

O pasado martes, 30 de xaneiro, Día Internacional da Paz, fixemos a nosa segunda visita á residencia Geriatros dentro do programa de voluntariado da Xunta de Bibliotecas Escolares Solidarias. 
O noso grupo inicial de voluntarios vai medrando pouco a pouco. Aos once da primeira experiencia de Nadal sumáronse doce rapaces máis de 4º, animados polo boca a boca e polas palabras dos seus compañeiros. Teño noticia de que algúns pequenos de 1º tamén queren vir na vindeira oportunidade. Estades todos convidados!
Pero cóntovos que fixemos. Logo de comer xuntos, dividimos o grupo entre os recitadores de poemas sobre a paz (de Celso Emilio Ferreiro, Antonio Machado, Rafael Alberti, Blas de Otero, etc) e os deseñadores do cartel. Mentres os primeiros ensaiaban o recitado, estes últimos practicaban o cartel da paz cunha réplica do que iamos levar xunto aos anciáns. 
Ás 4, cando os maiores levantan da siesta, chegamos a Geriatros. A sorpresa foi que como o día acompañaba, Marta a animadora, os colocou nos soportais para aproveitar o soliño. Esperábannos moi animados, cos seus gorros de papel. Pronto todo foi un balbordo de mans novas que axudaban a outras mans máis curtidas a plasmar os seus folgos de paz. Uns botaban pintura, outros limpaban, estes facían pombas da paz, aqueles asinaban e deixaban a súas pegadas. A emoción desbordouse cos recitados de poemas e algunhas señoras decididas quixeron recitar elas tamén. E rematamos cunha mensaxe de ledicia cantando "No dudaría" de Antonio Flores e "La muralla" de Ana Belén, mentres os curiosos peatóns da avenida de Esteiro nos miraban algo sorprendidos.
Foi precioso ver como interactuaban os nosos rapaces cos anciáns e xurdían as conversas e o intercambio de experiencias. Logo axudamos aos maiores a subir á Residencia. De xeito natural cada un de nós encargouse dun ancián. Mais a operación resultou moi lenta.
Unha vez na sala grande de arriba, fixemos as fotos de familia e quedamos en que a vindeira sesión tocaba no noso instituto, onde os maiores queren vir dar eles unha charla. E con esta intención, despedímonos moi impresionados pero moi satisfeitos de ter dedicado algo do noso tempo a xente tan agarimosa e tan chea de sentido.




Ningún comentario:

Publicar un comentario